Sunday 19 de May de 2024

O pleno municipal aproba por unanimidade o primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal do concello de Frades


Unanimidade tamén á hora de solicitar subvencións para paliar os danos dos temporais de xaneiro, que causaron danos por valor de 268.000 euros

Unanimidade do pleno municipal de Frades na aprobación provisional do primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal, que agora será trasladado á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para a súa aprobación definitiva logo de contar con todos os informes sectoriais favorables. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explica que “co novo Plan Xeral poderemos conceder licenzas para novas vivendas, pois estabamos nunha situación de bloqueo dende o inicio da tramitación do Plan. Espero que a saída da crise económica e a entrada en vigor do PXOM permitan medrar a este concello gandeiro”.

O alcalde de Frades amosou a súa satisfacción polo feito de poder ter axilizados os prazos dos últimos informes sectoriais, a Memoria Medioambiental e o informe de Patrimonio, xa que “así evitaremos ter que adaptar o PXOM á nova Lei do Solo que se aprobou onte e que entrará en vigor no prazo dun mes”. Deste xeito, o Concello de Frades remata unhas xestións iniciadas a finais do ano 2009.

Ata a aprobación definitiva do PXOM, a ordenación do solo en Frades seguirá rexéndose como ata o de agora polas Normas Subsidiarias e Complementarias da Provincia da Coruña, que limitaban tanto crecemento da zona urbana de Ponte Carreira como das vivendas unifamilares dos núcleos rurais.

Características do PXOM

Frades ten unha extensión de 81.7 km2, cun solo urbano (Ponte Carreira) e 150 núcleos rurais. Concretamente, a capacidade residencial do Plan Xeral de Frades ascende a 163 novas vivendas no solo urbano de Ponte Carreira e a 293 novas vivendas en solo de núcleo rural. Ademais, plantéxanse dúas zonas para novos desenvolvementos urbanísticos, ambos de uso industrial:
 Un deles na parroquia de Abellá, vinculado a industrias do sector agrogandeiro, maioritariamente para transformación, almacenaxe e distribución de produtos do campo.
 O outro entre as parroquias de Céltigos, Ledoira e Vitre, coa finalidade de regularizar e ampliar unha serie de industrias de maquinaria agrícola que xurdiron vinculadas á estrada N-634, así como xerar espazo para novas actividades na zona mellora comunicada do concello, e vinculada ó tráfico supramunicipal que circula pola estrada nacional.

O resto do solo é maioritariamente de protección agropecuaria e forestal, onde o 100% da superficie do termo municipal foi sometido a concentración parcelaria.

Como zonas de especial protección, o PXOM de Frades recolle a Rede Natura vinculada ó río Tambre e aos seus afluentes, así como moita vexetación de ribeira na que abundan os hátitats declarados como prioritarios pola Directiva da Unión Europea. Estes terreos protexidos se clasifican no PXOM como solo rústico de especial protección de espazos naturais. A superficie deste solo ascende ó 1,32% do termo municipal.

Finalmente, se delimítan 60 xacementos arqueolóxicos (restos de castros, medorras e mámoas), que se clasifican como solo rústico de protección de patrimonio, e se catalogan 70 elementos de interese arquitectónico ou etnográfico (pazos, igrexas, hórreos, muíños, pombais, cruceiros, etc).

Danos dos temporais: 268.000 euros

O pleno tamén aprobou por unanimidade solicitar axudas da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial da Coruña para arranxar os danos causados polos fortes temporais de principios de xaneiro na rede viaria municipal de Frades. Unha valoración conxunta que ascende a máis de 268.000 euros. “A día de hoxe temos catro estradas cortadas e xa fixemos xestión tanto coa Deputación como coa Xunta para ver se podemos acudir a algún plan específico”, explicou Rey Martínez, quen tamén adiantou que “no caso da ponte de Caboladrón xa iniciamos os trámites para a súa reparación e xa fixemos reparacións na ponte de Reboredo e na ponte de Frades a San Amaro, pero para resolver definitivamente os problemas necesitamos axuda para cambiar a drenaxe existente”.

O investimento máis importante, orzamentariamente falando, serían os 59.387 euros precisos para arranxar a Ponte Raselo (na pista que vai dende Raselo -Gafoi- ata Vitre), que quedou partida pola forza da auga. O resto dos danos suman 209.000 euros: 33.800 euros da ponte de Caboladrón (Mesos), 35.000 euros da Ponte de Xeza (na pista entre Reboredo -Galegos- e A Gándara -Abellá), 25.000 euros da Ponte de Reboredo (Galegos) a Os Carballos (CP-3802 Ordes-Ponte Carreira); 42.000 euros da Ponte de Frades a San Amaro; 6.300 euros para a canalización da maquía detrás da piscina de Papucín; 6.500 euros para unha obra de drenaxe en Tarrío; 52.900 euros na ponte de Augasantas (Céltigos); e 7.500 euros nunha tajea en A Pedra (Aiazo).

Así mesmo, o pleno solicitoulle a Telefónica España indemnizacións polos danos e prexuizos causados no municipio, especialmente nas parroquias de Gafoi e Aiazo, que estiveron tres semanas sen servizo. Unha reclamación á que tamén se suma o Concello de Frades, que estivo dez días sen servizo de centralita telefónica.

Gandeiros

O pleno municipal aprobou por unanimidade unha moción da Alcaldía para instar ao Ministerio de Agricultura a sacar canto antes o Decreto de cesión de precios lácteos. “O decreto estaba previsto para decembro”, lembrou o alcalde de Frades, “e como Concello Gandeiro temos que facer esta reclamación para que se aprobe canto antes”. “Galicia é o lugar onde máis granxas desaparecen, onde o prezo é máis baixo e cando sube o prezo ao consumidor final, non repercute nos nosos gandeiros que, a maiores, están recibindo cartas dicíndolles que non lles van recoller o leite a partir de abril”, denunciou o concelleiro de Agricultura, Manuel Ferreiro Marzoa.

O alcalde deu conta da entrada en vigor dos Orzamentos de 2016, logo de que non se presentara alegación ningunha, e o pleno rexeitou por unanimidade as alegacións presentadas á aprobación definitiva das bases polas que se rexerá o concurso para o posto de Secretaría-Intervención do Concello de Frades. O pleno desestimou as alegacións presentadas polo Colexio de Secretarios e unha particular “por entender que os baremos cumpren coa lexislación, que os méritos que esiximos están en relación coa función do posto de traballo e que a reducción dos complementos específicos estaban contemplados no Plan de Axuste aprobado en xuño de 2012”, explicou Rey Martínez. O alcalde lembrou que o soldo da nova secretaria estableceuse tendo en conta unha media de quince municipios das mesmas características de Frades.

Finalmente, o pleno tamén acordou solicitar dúas subvencións conxuntamente co Concello de Ordes: unha subvención de 262.534,92 euros para un obradoiro de emprego de garantía xuvenil (nas modalidades de xardinería e albanelería e dirixido a mozos/as de 18 a 25 anos) e 401.309,10 euros para un obradoiro de emprego (nas modalidades de xardinería, albanelería e pintura decorativa en construcción, para maiores de 18 anos). En ambos casos, a xestión estará encomendada ao Concello de Ordes e o Concello de Frades achegará 3.200 e 16.622 euros, respectivamente.

O pleno tamén aprobou unha ordenanza xeral de subvencións do Concello de Frades, “para regular o procedemento para outorgar subvencións no municipio, non para crear novas subvencións”, puntualizou o tesoureiro municipal, Manuel Ferreiro. Así mesmo, o pleno acordou a creación dunha Xunta de Contratación, que se encargará da renovación de importantes contratos que se atopan en situación de prórroga como son a xestión do saneamento, o abastecemento de auga e o alumeado público.